O sector mineiro premia Mina Doade como exemplo de xestión social e transparencia

O proxecto de participación social e comunicación de Mina Doade foi recoñecido co primeiro premio na categoría “Proxecto destacado en Xestión Social – Gran Empresa”, subcategoría “Participación na Comunidade Local”, nos Premios Nacionais 2025 da Fundación Minería y Vida.

Trátase dun recoñecemento ao enfoque participativo e transparente que caracterizou a iniciativa de Recursos Minerais de Galicia desde as súas primeiras fases, adiantándose aos requisitos normativos que hoxe xa son obrigatorios en Galicia.

Os Premios da Fundación Minería y Vida son un referente do sector mineiro en España e distinguen as boas prácticas con impacto social positivo. O fallo subliña que o enfoque de participación e transparencia de Mina Doade constitúe unha experiencia pioneira no sector extractivo en España e un referente en Galicia en canto a compromiso social.

Desde a súa concepción, o proxecto Mina Doade situou á comunidade local no centro da súa estratexia, que inclúe a realización dun amplo proceso participativo de consultas e unha investigación científica rigorosa sobre a percepción social do contorno.

Este traballo traduciuse en 46 entrevistas en profundidade con axentes clave e 519 enquisas realizadas nos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, A Lama e Cerdedo-Cotobade. O resultado foi o Estudo de Avaliación de Impacto Social e Económico (EISE), que propón 26 medidas sociais e foi incorporado na documentación presentada xunto coa solicitude de concesión de explotación en xaneiro de 2025.

Ademais, desde 2022 Mina Doade impulsou unha estratexia de comunicación aberta e transparente coa cidadanía, orientada a ofrecer información clara e accesible sobre o proxecto.

Un dos fitos máis destacados deste compromiso foi a publicación voluntaria de toda a documentación oficial da solicitude de concesión de explotación —máis de 8.900 páxinas— dispoñible para consulta e descarga pública antes mesmo do período administrativo de exposición pública. Esta política de transparencia sen precedentes mantense activa na actualidade.