Co obxectivo de reforzar o seu compromiso coa transparencia e o acceso á información, Mina Doade vén de publicar de maneira voluntaria toda a documentación técnica do proxecto na sección de transparencia da súa páxina web.
Esta iniciativa busca achegar o proxecto á cidadanía e ofrecer ferramentas que permitan a calquera persoa interesada coñecer en profundidade a proposta mineira. Entre os documentos dispoñibles atópanse os resumos non técnicos do proxecto e do estudo de impacto ambiental, redactados precisamente para facilitar a súa comprensión. Ademais, a través dun formulario dispoñible na propia web, pódese solicitar información adicional que será atendida directamente pola empresa promotora, Recursos Minerais de Galicia.
A documentación completa inclúe máis de 8.700 páxinas organizadas nun cento de arquivos, onde se detallan aspectos como a futura planta de concentración, o sistema de xestión e tratamento de augas, o plan de restauración dos terreos e os estudos de impacto ambiental, económico e social.
A solicitude oficial de concesión de explotación foi presentada en xaneiro ante a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, que actualmente está a avaliar o proxecto en coordinación con outras administracións. Mentres tanto, a empresa puxo a documentación a disposición dos grupos parlamentarios, dos concellos da contorna e das comunidades de montes, aos que agora se suma o conxunto da sociedade a través da web.
En marzo, a Comisión Europea recoñeceu a relevancia do proxecto ao incluílo na listaxe de Proxectos Estratéxicos dentro do Regulamento de Materias Primas Críticas da UE, destacando así o seu interese público.
Unha vez se inicie o trámite de información pública, previsto proximamente, Recursos Minerais de Galicia ten previsto poñer en marcha unha mesa de diálogo con representantes locais, comunidades de montes, asociacións veciñais e outras entidades do territorio, para continuar construíndo un proceso participativo arredor do desenvolvemento de Mina Doade.