O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o inicio da fase de información pública de Mina Doade. Deste xeito, avánzase na tramitación do proxecto de minaría subterránea de extracción de minerais de litio e feldespatos en Beariz (Ourense), declarado estratéxico pola Unión Europea.
Documentación dispoñible
A documentación completa do proxecto, presentada ante a Consellería de Economía e Industria, sométese agora a consulta pública. Isto permitirá á cidadanía realizar aportacións que contribúan a seguir mellorando a iniciativa. Trátase de máis de 8.700 páxinas de traballo técnico, reunidas en máis de cen documentos e elaboradas por decenas de profesionais de distintas disciplinas (enxeñeiros, xeólogos, químicos, economistas, xuristas, sociólogos…), así como universidades, empresas especializadas e equipos do Grupo SAMCA. A inversión total nesta fase foi de 10 millóns de euros.
Os documentos dispoñibles inclúen:
- Proxecto de Explotación, con detalles sobre o método extractivo e cumprimento normativo.
- Proxecto de Planta de Concentración, cunha descrición das instalacións industriais e a xestión intregal da auga.
- Plan de Restauración, que garante a recuperación do uso forestal do terreo.
- Estudo de Impacto Ambiental (EIA), acompañado dun Plan de Vixilancia Ambiental e un Estudo de Impacto Económico e Social.
- Informe de viabilidade, que acredita a solvencia económica e técnica do proxecto.
Esta documentación xa se fixera pública de maneira voluntaria a través da páxina web de Mina Doade, como parte dun compromiso coa transparencia e a participación cidadá.
Recoñecemento como Proxecto Estratéxico
En marzo de 2025, a Comisión Europea seleccionou Mina Doade como un dos Proxectos Estratéxicos no marco do Regulamento de Materias Primas Críticas, recoñecendo o seu interese público e o seu papel clave na transición enerxética e dixital de Europa.
Compromiso co diálogo local
Recursos Minerales de Galicia propuxo a constitución dunha mesa de diálogo con comunidades de montes, asociacións veciñais e administracións locais para reforzar o proceso de participación pública. Esta proposta xa foi trasladada ao Concello de Beariz e á Xunta de Galicia.