A comisión Europea selecciona Mina Doade como Proxecto Estratéxico

A Comisión Europea seleccionou a Mina Doade na listaxe de Proxectos Estratéxicos segundo o Regulamento de Materias Primas Críticas da Unión Europea (CRMA, polas súas siglas en inglés). Deste xeito, a UE subliña que o proxecto de minaría subterránea para a extracción de litio e feldespatos en Beariz (Ourense) é de interese público.

Esta decisión da Comisión Europea sinala a súa importancia “para asegurar o subministro de materias primas estratéxicas e garantir o bo funcionamento do mercado interior europeo”.

A inclusión de Mina Doade entre as 47 seleccionadas pola UE (sete en España e a única en Galicia) na primeira listaxe de Proxectos Estratéxicos segundo o CRMA pon de manifesto a calidade técnica do proxecto presentado por Recursos Minerais de Galicia, SA, o seu compromiso coa minaría sostible e a súa relevancia para o futuro de Europa.

Mina Doade completou o trámite de solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía e Industria o 17 de xaneiro de 2025. Desde ese momento, a solicitude de Recursos Minerais de Galicia, S.A. está a seguir os trámites administrativos segundo os prazos legais.

En canto a información técnica completa do proxecto se abra ao público nas próximas datas, iniciarase un período no que a empresa quere constituír unha mesa de diálogo cos actores locais interesados no proxecto (comunidades de montes, asociacións veciñais, corporacións locais…).

Deste xeito, continuará o proxecto de información e participación cidadá iniciado co Estudo de Impacto Económico e Social presentado na tramitación do expediente.