Expertos internacionais en xeoloxía visitaron Recursos Minerales de Galicia

As instalacións de Recursos Minerales de Galicia recibiron a visita de participantes no simposio 2026 da International Association on the Genesis of Ore Deposits (IAGOD). Trátase dun dos principais encontros internacionais dedicados ao estudo da xénese dos xacementos minerais, con especial atención ás pegmatitas, a rocha obxectivo do proxecto de Recursos Minerales de Galicia.

O grupo coñeceu as instalacións do proxecto, incluídas as súas oficinas e a nave de testemuños, e mantivo un encontro co equipo técnico de Mina Doade para coñecer de primeira man os traballos de investigación desenvolvidos ata a data.

A visita enmarcouse no programa Rare-element pegmatites of Portugal and Spain, que percorre durante estes días distintos enclaves xeolóxicos de España e Portugal relacionados coas pegmatitas de elementos raros. O programa inclúe o campo pegmatítico de Lalín-Forcarei, en Galicia, ademais de diferentes localizacións de Portugal e outros puntos de interese xeolóxico da Península Ibérica.

O IAGOD 2026 celebrouse do 30 de agosto ao 2 de setembro na Facultade de Ciencias da Universidade do Porto baixo o lema ‘The Role of Geoscience in the Energy Transition’, e reuniu especialistas internacionais para compartir coñecemento sobre xeoloxía, recursos minerais e procesos de formación de xacementos.

A visita a Recursos Minerales de Galicia permitiu aos especialistas en pegmatitas coñecer directamente o proxecto Mina Doade na súa actual fase de xeoloxía e os resultados dos traballos de investigación.

“A visita de expertos que traballan especificamente en pegmatitas supón unha oportunidade moi interesante para compartir o coñecemento xeolóxico xerado durante a exploración de Mina Doade e para intercambiar experiencias con profesionais de recoñecido nivel internacional”, sinala Fernando San Miguel, director de Investigacións Mineiras de Grupo SAMCA.

A presenza de Mina Doade no itinerario deste programa especializado pon de manifesto o interese que esperta a xeoloxía das pegmatitas galegas no contexto internacional da exploración de minerais críticos e dos recursos necesarios para a transición enerxética.