O presidente da Xunta recibe aos promotores de Mina Doade

O presidente do Grupo Samca, Javier Luengo, e responsables de Recursos Minerales de Galicia, S.A., mantiveron un encontro co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en torno ao proxecto de Mina Doade. Durante a reunión, Rueda trasladou a aposta da Administración autonómica por aproveitar o subsolo galego para reforzar a cadea de valor europea das materias primas estratéxicas. Deste modo, segundo Rueda, Galicia pode ser un territorio clave dentro da aposta da Unión Europea polo aproveitamento dos recursos críticos que están presentes no continente.

O presidente da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou o potencial da minaría para impulsar o crecemento económico en Galicia, a creación de emprego e a transición verde e dixital en toda Europa. Pola súa parte, Luego recalcou a aposta do Grupo Samca por este proxecto e o valor compartido e impacto social positivo nos lugares nos que se desenvolve a súa actividade.

Este encontro forma parte do proceso de diálogo e participación pública do proxecto de Mina Doade. Recursos Minerales de Galicia, S.A., mantivo reunións informativas coas corporacións das comunidades locais para actualizar a evolución do proxecto, como os concellos de Avión, A Lama, Beariz e Forcarei; a Deputación de Ourense; e as consellerías de Economía e Industria e de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Unha vez a documentación técnica completa do proxecto se atope dispoñible no proceso de información pública, a empresa ten previsto poñer en marcha unha mesa de diálogo cos actores locais interesados no proxecto, como comunidades de montes, asociacións veciñais e corporacións locais, entre outros.